Aventura por Picos de Europa

Un grupiño formado por 7 socios do club de montaña O Caxado de As Pontes (Pepe, Mónica,
Nacho, Inma, Elva, David e Mito) trasladáronse, a fin de semana do 18 ó 20 de agosto, ata o
macizo central de Picos de Europa para realizar varias actividades pola zona. O obxectivo
principal era o de acadar a cima do Picu Urriellu ou tamen coñecido como “Naranjo de Bulnes”.
Estableceron o seu campamento na Vega de Urriellu, algúns pasando a noite no refuxio Delgado
Úbeda, situado na mesma Vega e outros durmindo en tenda de campaña.
Venres 18 de agosto.
O primeiro día consistiría en acadar a Vega de Urriellu camiñando dende o collado Pandebano
onde se aparcarían os coches. O camiño non posúe grandes dificultades técnicas, pero faríase
duro debido o desnivel (pouco mais de 900 m de desnivel positivo) e a que as mochilas que
levaban ían moi cargadas debido á grande cantidade de material que tiñan que levar, dende
cordas, pasando por empotradores, arneses, mosquetóns, etc. Por si fora pouco, o día estaba
desapacible e a néboa acompañaría o grupiño dende case o inicio, acompañada de choivas
febles en moitos intres, o cal faría mais duro a ascensión ata a Vega.
Tras acomodarse cada un na Vega de Urriellu, reuniríanse para decidir a hora á que ó día
seguinte comezarían a aproximación á vía. Había moitas dubidas en canto ó tempo, pero
finalmente o grupiño decidiría probar sorte e comezar a aproximación as 06:00 h.
Sábado 19 de agosto.
As 06:00 o grupo segue con moitas dubidas, xa que unha espesa néboa atópase ancorada na
Vega e o chan está húmido. Se na cara sur as condicións son similares non poderían escalar xa
que a rocha estaría resbaladiza e terían que esperar a que secara. Finalmente deciden arriscar e
as 06:30 comezan a ascender ata a cara sur do Picu Urriellu. A ascensión leva aproximadamente
unha hora, bordeando o Picu pola cara norte, seguindo o canal da Celada. Unha vez que o grupo
alcanzou o collado da Celada a néboa desapareceu e apareceu un día de sol estupendo, mentres
que na Vega a néboa seguía ancorada e incluso con choivas febles. O grupo estaba de noraboa,
polo momento todo ía saíndo a pedir de boca.
Unha vez a pé de vía, decataríanse de que eran os únicos que se atopaban na cara sur para
escalar o Picu, o cal é sorprendente debido a gran cantidade de xente que se acumula nesta cara
do Picu. Comezarían os preparativos para iniciar a escalada, cada un co seu arnés, as cordas,
mosquetóns, reunións preparadas, etc. Escalarían o Picu en dúas cordadas de tres compoñentes
cada unha. A vía elixida sería a denominada “Sur directa” ou “Directa de los hermanos Martinez”
formada por 5 longos cun total de aproximadamente 150 m, cunha gradación máxima de V
grado.
As dúas cordadas foron solventando sen grandes problemas os 5 longos ata chegar ó anfiteatro,
dende o cal farían cume tras varias trepadas sinxelas.
Pouco a pouco irían chegando máis cordadas á cara sur, chegando a un total de 6 en todo o día,
cos cales puideron desfrutar dunhas gratas vistas dun espectacular mar de nubes dende a cima.
Trasrepoñer folgos na cima, e facer asfotos pertinentes para deixar constancia da súa presenza,
tocaba recoller o material e poñer camiño de volta. Habería que destrepar ata o anfiteatro e,
pola mesma vía de ascensión facer tres rápeles de baixada aproveitando as reunións instaladas
na parede.

Unha vez a pé de vía tocaba voltar cara a Vega desfacendo o camiño feito polo canal da Celada,
polo cal a néboa voltaría a ser o seu compañeiro de viaxe.
Domingo 20 de agosto.
O día espertou sen a néboa do día anterior. No ceo non se vía unha nube. Prevíase un día de
moita calor e sol abrasador.
Acompañados por Felix, un compañeiro do club de montaña Vallisoletano, o grupiño poñería
rumbo, as 07:30, ó Jou de Cerredo para realizar a actividade do día. A ruta atravesaría a brecha
dos cazadores, horcada arenera e demais accidentes xeográficos que forman esta fermosa zona
do parque nacional.
Preto do Jou de Cerredo o grupo dividiríase en dous, tomando dous compoñentes do grupo
dirección á ascensión a Torrecerredo (2650 m) o punto máis alto da cordillera cantábrica,
seguindo o resto do grupo en dirección a cume do Pico Cabrones (2.558 m) dende a cal
intentarían completar a travesía ata Torrecerredo pola cresta que une as dúas cumes. A
ascensión ó Pico Cabrones faríana pola vía normal de ascenso, chegando a unha brecha dende
onde se comeza a cresta de ascensión, tras subir por unha cheminea. Dende a brecha tocaría
avanzar por unha cresta moi aérea ata chegar a cume do Pico Cabrones. Unha vez repostos os
folgos, retomarían o camiño pola cresta para seguir ata Torrecerredo. Tras varios rápeles,
trepadas e destrepadas, chegarían ata unha ascensión por unha vía graduada co IV grado, a cal
escalarían encordados. Tras pasar esta última dificultade, a cima de Torrecerredo atópase a
poucos metros. O grupo faría unha parada para xantar e repoñer folgos e só quedaría baixar
pola ruta normal de ascenso a Torrecerredo e voltar á Vega desandando o camiño feito pola
mañá. Varios integrantes retomarían camiño de Pandebano, algúns para coller o coche de volta
á casa e dous de eles para continuar coas actividades os díasseguintes coa incorporación de Luy,
socio do club de montaña O Caxado. Este grupiño desprazaríase en vehículo 4×4 á zona de Aliva
para vivaquear polos arredores.
Luns 21 de agosto.
O grupo formado por tres integrantes comeza o día ascendendo a canal do vidro, para dirixirse
ás cimas que pretenden acadar. En primeiro lugar as cumes de Tiros Navarro para logo baixar e
dirixirse as cumes dos picos de Santa Ana. Unha vez conseguidas as cimas, continúan a ruta
baixando pola canalona para coller o camiño de volta á zona de Aliva. Unha vez no coche
desplazaríanse ata Jitu Escarandi para pasar a noite vivaqueando pola zona.
Martes 22 de agosto.
Comeza o día e os tres integrantes do grupo toman camiño ó refuxio de Andara, xa no macizo
oriental de Picos de Europa para intentar as cumes do Pico San Carlos ou Sagrado Corazón. Unha
vez conseguido o seu obxectivo, diríxense á cume do Samelar dende o cal descenden,
novamente, ata o refuxio de Andara para voltar ó coche. Desta volta, a noite farana no albergue
de Sotres.
Mércores 23de agosto.
O grupiño desprazase á zona do desfiladero da Hermida para realizar varias vías ferratas na
zonas. Na zona da Hermida fan a vía ferrata pequena da Hermida e posteriormente na zona dos
Llanos fan a ferrata do mesmo nome, cun novo recorrido recén estreado e que se atopa
graduada con K5. Con isto finalizan as actividades e os dous integrantes do club de montaña O

Caxado despídense do compañeiro Félix do club de montaña Vallisoletano, que porá volta a
Vallodolid mentres Luy e Jose toman camiño de volta a Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Por favor, introduza o valor correcto. *

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies