Arquivos mensuais: Agosto 2019

PASEO POR PIRINEOS

Mércores 14 de Agosto:

Saimos dende As Pontes, 5 integrantes do clube de montaña O Caxado, ben cedo pola mañá para achegarnos ata o aparcamento da Molinassa, situado no Municipio Catalán de Alins dentro do parque natural do alto pirineo, accedendo ó mesmo a través dunha pista de terra en moi mal estado. Dende onde deixamos o coche, tiñamos unha aproximación ata o refuxio de Vallferrera de 1 hora e media, xa que debido o mal estado da pista de terra decidimos deixar o coche a metade da subida. O camiño de subida faise moi ameno recorrendo unha frondosa fraga de abetos que de vez en cando deixaba ver as fervenzas de auga que baixaba da montaña.

Xoves 15 de Agosto:

Saimos dende o refuxio de Vallferrera sobre as 06:30 da mañá dispostos a afrontar unha longa e dura xornada de montaña, con moitos quilómetros de camiñata cun desnivel acumulado próximo ós 2000 metros. Dende o refuxio esperábanos a primeira subida do día ata a zona dos lagos de sotllo e de estats. A paisaxe estaba formada por sucesión de fervenzas, prados de altura e lagos glaciares. Despois do lago de Estats comezariamos a ascensión o porto do Sotllo, unha forte subida por unha pedreira. Xa no porto do Sotllo, dous integrantes do grupo, decidiron facer cima no Pico do Sotllo, mentres o resto do grupo foi tirando polo camiño para facer cima no pico Verdaguer e na Pica d’Estats (Cumio máis alto de Cataluña). O grupo finalmente xuntouse na cima da Pica d’Estats. A baixada tamén se fixo por dúas rutas distintas, mentres que tres integrantes do grupo decidiron crestear para facer o cumio da punta Gabarró, o resto do grupo voltou polo mesmo camiño de subida. Tras moitas horas de actividade, o grupo voltou o coche e tomamos camiño a Benasque onde nos esperaba un merecido descanso para afrontar o resto da actividade programada.

Venres 16 de Agosto:

Este día tomámolo como un día de transición, relaxándonos pola mañá polas rúas de Benasque. Despois do xantar preparamos as nosas cousas e collemos camiño de Llanos del Hospital para coller o Bus que nos achegaría ata A Besurta dende onde comezariamos a aproximación ata o refuxio de A Renclusa. Nese refuxio fariamos noite para erguernos cedo o día seguinte e intentar acadar o cumio mais alto dos pirineos, O Aneto.

Sábado 17 de Agosto:

As 05:30 aproximadamente, despois de almorzar, comezariamos a xornada para intentar acadar o cumio do Aneto. Subimos seguindo a ruta que pasa polo porto da renclusa, pasando pola lagoa do Salterillo, accedendo o cumio do Aneto pola parte final do glaciar. Dende aí, tocaba facer algunha trepada ata chegar ó famoso paso de Mahoma, o cal o grupo pasou sen maiores dificultades xa que o bo ritmo que se levou, propiciou que non houbera moita aglomeración neste paso. Na baixada de volta á Besurta, o grupo dividiuse en dous, tomando 3 integrantes do grupo o mesmo camiño de subida para facer a baixada e os outros dous facendo a travesía completa do glaciar, voltando polo portillón superior e baixando polo barranco da Maladeta. Xa na Besurta solo quedaba esperar polo bus que nos levaría a Llanos del Hospital e felicitarnos mutuamente polas actividades realizadas estes días.

https://clubmontanacaxado.smugmug.com/PIRINEOS/

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies